O entroido de Verín, declarado de Interese Turístico Nacional

Tras un ano de traballo, a Secretaría de Estado de Turismo vén de outorgar a Verín o certificado de Festa de Interese Turístico Nacional para o seu entroido. A satisfacción é moi grande tanto no Concello como na Asociación O Cigarrón pois consideran que vai servir para potenciar esta celebración máis alá das fronteiras galegas.

Por outra banda, a Xunta concede o grao de festas de interese turístico galego a un total de catro celebracions tradicionais: a 'Festa da Troita' de Oroso, a 'Festa do Polbo' de Mugardos, a 'Festa do Monte' de A Guarda e o 'Encontro Degustación do Millo Corvo' de Bueu.

A 'Festa da Troita' celébrase cada mes de maio dende 1997 e, na súa última edición, recibiu a visita dunhas 30.000 persoas. Máis antiga é a 'Festa do Polbo', a punto de cumprírense os 20 anos dende a súa creación. Pola súa banda, a 'Festa do Monte' de A Guarda ten a súa orixe na iniciativa dun grupo de veciños que crearon unha sociedade para coidar o monte de Santa Tegra. Por último, o Encontro do Millo Corvo celébrase cada mes de marzo no lugar de Meiro (Bueu), cunha gran tradición.