Galicia estará presente no Salón Internacional do Turismo de Cataluña

A oferta turística galega estará presente, do xoves ao domingo, no Salón Internacional do Turismo de Cataluña, que se celebra no recinto da Fira de Barcelona. O evento acollerá un 10% menos de expositores como consecuencia da crise, aínda que se espera que esta situación propiece a aparición de ofertas especiais para atraer aos visitantes. Segundo fontes da organización, ao redor de quince compañías apuntáronse a esta iniciativa e ofrecerán diversos descontos ao longo dos catro días da feira.

Galicia acudirá a esta importante cita de mans de Turgalicia, que instalará un stand promocional no que participarán como expositores diferentes entidades galegas de promoción turística local. No recinto, os asistentes á feira poderán achegarse a toda a oferta global do turismo galego. A seguinte cita do calendario promocional será a feira Expovacaciones, de Bilbao.