Fin de semana gastronómica en torno ao viño, o queixo e a lamprea

Milleiros de persoas aproveitaron o bo tempo da fin de semana para achegarse a algunha das múltiples festas de carácter gastronómico que se celebraron en Galicia. Na provincia de Lugo celebrouse a Feira do Viño de Amandi, no concello de Sober, que atraeu a milleiros de persoas, e a Festa do Queixo de San Simón, que encheu as rúas de Vilalba. A crise semella que non afectou a este produto pois a maioría dos queixeiros venderon máis que na anterior edición. As pezas grandes despacháronse a un prezo de 12 euros e as pequenas, a 7.

Na provincia de Pontevedra, unha das citas máis importantes tivo lugar no concello de Pontecesures, que celebrou a Festa da Lamprea. En total, superáronse as 900 racións de lamprea, preparada á bordelesa. A crise deixouse notar pois moitos dos comensais optaron por pedir pinchos en vez de racións. Outro dos atractivos da festa foi a Feira do Automóbil, na que se deron cita exemplares de grande interese.

No Val do Dubra (A Coruña), concretamente na localidade de Bembibre, celebrouse a Expofeira, unha mostra agrogandeira que amosou produtos respectuosos co medio ambiente. O sector da agricultura e a gandeiría ecolóxicas tivo un peso específico. Así, puidéronse mercar dende xabón e cremas ata marmeladas e licores, pasando por roupa de algodón ecolóxico ou sementes. Outra feira, desta volta de artesanía, tivo lugar en Riotorto e congregou a numeroso público. Entre o público, o conselleiro de Industria en funcións, Fernando Blanco, que asistiu ao proceso de elaboración dun fouciño.

E outra feira de artesanía que está a piques de celebrarse, non exenta de polémica, é a de Compostela. Terá lugar do 9 al 12 de abril e o aspecto máis controvertido é a presenza de postos de hostalería. Así, no programa distribuído polo Concello figuran unha polbería, tabernas galegas, castelá, asturiana e francesa, unha crepería e unha pizzería. Esta oferta gastronómica espertou as críticas da asociación Hostelería Compostela pois cren que “podería considerarse un exercicio de competencia desleal, coa agravante de que está amparado polo propio Concello e de que se produce en plena Semana Santa, a tempara que o sector está esperando como auga de maio nun momento de crise económica como o que atravesamos”, explican os hostaleiros. A Asociación louba este tipo de iniciativas tendentes a dinamizar o ambiente da cidade pero pide ao Concello “unha maior sensibilidade coas necesidades do sector hostaleiro, que conta con oferta dabondo para satisfacer as demandas dos turistas”.