A Festa do Albariño non entende de crises

O Concello de Cambados aprobou un orzamento de 300.000 euros para a vindeira edición da Festa do Albariño, a súa celebración máis senlleira e que atrae á localidade pontevedresa a milleiros de visitantes. A festa cumpre este ano cincuenta e sete edicións e, polo que semella, non entende de crises económicas.

Como vén sendo habitual, non faltará o pregón dende o balcón do Consistorio, o desfile dos Cabaleiros da Orde do Albariño, o nomeamento de novos cabaleiros e damas e o xantar oficial no que se agarda que estea o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.