Feijóo reitera o seu compromiso de promulgar unha lei específica do viño

O presidente do Partido Popular de Galicia e presidente electo da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu, nunha visita á Feira do Viño de Amandi (Sober) que traballará na creación dunha lei específica para o viño. Esta futura norma legal, que a Xunta tentará negociar coas distintas denominacións de orixe, conxugará as dúas realidades do viño: a súa condición de bebida alcohólica, coa dun alimento saudable cando se consume con responsabilidade.

“O do viño tamén é un sector prioritario co que non podemos baixar a garda”, subliñou o líder dos populares galegos. Feijóo referiuse, tamén, á Ribeira Sacra como “un dos lugares máis emblemáticos de Galicia e un dos lugares a protexer e ensinar en Europa e no mundo”, dado que, na súa opinión, atópase entre as áreas con maiores posibilidades turísticas de Galicia e de España.