Cinco anos de Galicia Premium

Os visitantes que cada ano elixen Galicia como destino das súas vacacións teñen premio. A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, vén agasallando dende hai cinco anos aos turistas fieis con estadías gratuítas en preto de 1.500 establecementos, promocións e servizos exclusivos grazas á iniciativa Galicia Premium. A tarxeta de fidelización turística suma xa case 5.000 usuarios asociados.

Para darlle un novo pulo á campaña, cada un dos aloxamentos adheridos serán visitados para actualizar as bases de datos, de xeito que respondan á realidade do sector. Pola súa banda, para os titulares da tarxeta, na súa oferta de clinics ou cursiños gratuítos incorpóranse propostas como o Turismo Activo ou o Mariñeiro. Ademais, nesta nova etapa ábrese o abano de espectáculos a ofertas máis populares, como o rock, aínda que sen abandonar a ópera ou o teatro. Outra das novidades é que os asociados poderán recibir información a través de SMS.