A Catedral de Santiago mostrará en Semana Santa unha exposición de tapices de Rubens

Como complemento á programación prevista para esta Semana Santa, o Cabildo da Catedral de Santiago preparou unha mostra temporal de varios dos tapices da colección da propia Catedral que, por cuestións museográficas, non se atopan expostas permanentemente nas salas do Museo.

A selección de pezas, que poderán contemplarse nas naves da Catedral ata o 20 de abril, componse dun total de 11 tapices. Cinco deles son de temática mitolóxica e foron realizados a mediados do século XVII en obradoiros bruselenses, a partir de cartóns de Rubens e varios dos seus discípulos. Outras dúas pezas proveñen de Nápoles e foron ofrendadas por Felipe IV no ano 1655. Finalmente, hai varias obras elaboradas na Real Fábrica de Madrid, a partir de modelos costumbristas de David Teniers.