A augardente é o licor de Pascua

A recta final da Semana Santa ofrécenos múltiples posibilidades gastronómicas e culturais. Unha das máis importantes é a Festa da Augardente que se celebra no concello lucense de Portomarín. Será, como é tradicional, o Domingo de Pascua, e os actos comezarán en torno ás 10.00 horas co acendido das alquitaras. Pola tarde, o Cabildo Xeral da Orde Serenísma da Alquitara celebrará a recepción dos novos Cabaleiros e Damas que ingresan na Orde para, en torno ás 18.00 horas, asistir á lectura do pregón, que correrá a cargo de Francisco Fernández Liñares, presidente da Confederación Hidrográfica Miño –Sil. Posteriormente, celebrarase a Cata da Augardente e a entrega de premios aos augardenteiros gañadores. Pola noite, gran verbena popular.

Outra cita interesante é a que nos ofrece Camariñas, onde se celebra unha edición máis da Mostra do Encaixe, ata o domingo. A organización contratou unha liña especial de autobuses que conectará A Coruña e Santiago con Camariñas para facilitar o traslado dos interesados. O programa inclúe un desfile coas últimas creacións do vigués Cristóbal Vidal, deseños pensados para “segundas vodas ou vodas tardías”.

De carácter gastronómico son outras citas interesantes para estes días como a Festa do Viño do Val de Quiroga (11 e 12 de abril), a Festa da Orella de Lérez-Pontevedra (12 de abril), a Festa da Angula de Tui (12 de abril), a do Polbo de Ponteceso (12 de abril) ou a Festa do Bolo de Pascua de Meis (12 de abril).

Outra localidade que está celebrando as súas festas grandes é Padrón, con actos durante toda a semana. Destacan, ademais das verbenas, a feira equina ou as corridas de touros. Máis ao norte, o Concello de Ferrol ofrece aos visitantes a posibilidade de realizar seis rutas para coñecer en profundidade a cidade.

Outras alternativas para o tiempo de lecer destes días poden ser unha visita á Mostra de Artesanía en Vivo de Vimianzo ou unha excursión ás recientemente reabertas Covas do Rei Cintolo, situadas en Mondoñedo.

Xa o luns, os actos relixiosos continúan coas romarías de As Cabezas (Meis), San Cibrán (Pontevedra) e O Viso (Redondela), entre outras.