Adega rexeita o Plano Eólico Mariño e alerta da súa afección sobre a actividade turística

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) vén de amosar o seu rexeitamento ao Plano Eólico Mariño presentado polo Goberno central. Segundo o colectivo, “ábrese a veda para a eólica mariña”. En Galicia, foron declaradas aptas dúas áreas: unha fronte ás costas de Oia e Tui e outra na Mariña, entre Burela e Foz. Adega rexeita calquera explotación eólica no mar de Galicia porque “non atende a criterios de suficiencia, eficiencia e alternatividade senón ao produtivismo e ao lucro empresarial”.

A asociación alerta de que este tipo de instalacións ten unha clara “afección paisaxística, sobre o turismo, sobre as especies protexidas”, etc. Segundo Adega “non se ten en conta a Galicia, ao seu mar e ás súas xentes, e sobre todo que este país ten pagada xa unha alta peaxe ambiental pola produción de enerxía, nomeadamente da eólica”.