Ferrol estrea unha audioguía sobre o modernismo na cidade

A Semana Santa é unha das épocas do ano máis importantes para Ferrol, cidade que vive, como poucas, as celebracións relixiosas e as procesións propias destas datas. Son milleiros os visitantes que, de feito, aproveitan estes días para achegarse á cidade departamental. Por iso, Ferrol escolle estas datas para estrear un novo servizo para os turistas: unha audioguía sobre o modernismo na cidade. Trátase dun sistema MP3 que contén audioguías sobre a ruta modernista do barrio de A Magdalena que estarán disponibles nas oficinas de turismo e na feira de mostras, onde nesas datas se celebra Equiocio.

Por outra banda, Ferrol comeza unha campaña de concienciación cidadá para conseguir unha cidade máis limpa, tamén de cara a Semana Santa. Así, a campaña “Ti eres a peza que falta” busca a colaboración veciñal para que a cidade luza mellor que nunca. Colaboran o Concello e a empresa concesionaria, Urbaser, e inclúe a distribución de folletos. O Concello chama a atención sobre a importancia da reciclaxe e que non se depositen bolsas de lixo na rúa fóra do horario estipulado.