O bo humor presidiu a fin de semana de Entroido

Os personaxes máis tradicionais do Entroido galego foron os protagonistas desta fin de semana, aínda que non faltaron referencias a temas de actualidade como a crise ou a campaña electoral. A climatoloxía benigna contribuiu a que a poboación saíse á rúa e se sumase á festa activamente. Na provincia de Ourense, onde esta celebración ten un arraigo especial, as pantallas, cigarróns, peliqueiros e felos, entre outros, protagonizaron os desfiles mentres noutras comarcas galegas foron os xenerais ou os galáns e as madamas os que animaron o Entroido.

No aspecto gastronómico, non faltaron as festas do cocido, os grelos, as androllas e os botelos e, de sobremesa, as tradicionais orellas e filloas que encheron os mostradores das pastelerías e as mesas dos fogares galegos. Hoxe segue a troula con desfiles como o da Illa de Arousa ou o día grande do Entroido de Laza -que inclúe o lanzamento de formigas e barro ao público-, mentres que o martes será o día grande para outros concellos, como Lugo que celebra o concurso de disfraces para adultos, Santiago e Vilagarcía que celebran o gran destile de Entroido ou Pontevedra que celebra a Mostra da Parodia.