Malestar pola anulación da ruta en catamarán no Sil

Os hostaleiros da Ribeira Sacra lucense están preocupados polas irregularidades que se producen nas rutas en catamarán polo Sil. Se no pasado verán, coincidindo coa época forte de visitantes, as viaxes foron suspendidas polo escaso caudal do río, esta pasada fin de semana foi o exceso de caudal o que provocou a suspensión das rutas. Ante esta situación, os hostaleiros queren reunirse cos responsables de Turismo da Deputación de Lugo, da que dependen varias rutas, co obxectivo de que se solucionen os problemas.

O principal inconveniente radica en que o pantalán que se emprega para a subida e baixada de pasaxeiros non está adaptado ás crecidas e reducións de caudal do río. Os hostaleiros agardan que se tomen medidas antes de Semana Santa, que tamén é unha época forte para o turismo na Ribeira Sacra.