Chegan os días grandes do Entroido

Comeza o reinado de Don Carnal. Aínda que hai vilas –sobre todo na provincia de Ourense- que xa levan varias xornadas celebrando o Entroido, esta fin de semana os disfraces e as máscaras toman o protagonismo en toda Galicia. No triángulo máxico ourensán, Pantallas, Cigarróns e Peliqueiros quentan motores en Xinzo, Verín e Laza. Na primera localidade, este sábado celébrase o XXVII Festival da Canción Humorística do Entroido; en Verín, ás 17.00 horas, celébrase o Bautizo do Cigarrón, a carón da súa estatua e en Laza será o domingo cando teña lugar a estrea dos Peliqueiros e o reparto de Bica.

Pero noutras provincias galegas tamén hai comarcas que se consagran ao Entroido como O Morrazo, ou a comarca de Santiago e da Ulla. En Vilaboa, por exemplo, teñen as Madamas e os Galáns, e na zona da Ulla, os Xenerais.

En xeneral, as grandes cidades e vilas galegas comezan os actos principais do Entroido este sábado. Así, en Lugo celébrase o Gran Concurso de Disfraces Infantil (17.00 horas); en Santiago de Compostela, desfila o Meco polas rúas do casco vello e procédese á lectura do pregón; en Ourense, o desfile do Entroido será o domingo mentres que en Vilagarcía celebran por primera vez o Sábado Inglés, no que se premiarán os mellores disfraces de aire británico.