Anfaco analiza o futuro do sector industrial co conselleiro de Economía

Unha delegación da Xunta Directiva da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, encabezada polo seu presidente, Álvaro Pérez-Lafuente, entrevistarase co conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio, para expoñerlle a situación actual, perspectivas de futuro e principais problemas do sector industrial transformador de produtos da pesca e da acuicultura de Galicia.

Con motivo desta entrevista, que se celebrará este venres, Anfaco entregaralle ao conselleiro un completo informe do sector no que se detallarán, entre outros aspectos, os datos estatísticos de produción, vendas e exportación correspondentes ao exercicio 2008, o estado das negociacións comerciais no ámbito da Organización Mundial do Comercio e o impacto no sector dos acordos da UE con terceiros países.