Soutomaior recupera para uso público unha zona degradada do río Verdugo

A Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Soutomaior veñen de acometer a mellora medioambiental da marxe do río Verdugo ao seu paso por este municipio. A finalidade da actuación consistiu na recuperación e saneamento dunha zona moi degradada do río e a creación dun espazo de lecer para uso e disfrute dos veciños e do turismo que se achega á zona.

Os traballos consistiron na limpeza do río, no desbroce das marxes e na recuperación do sendeiro que descorre dende a zona de esparcemento ata a ponte colgante, co fin de facelo transitable. O proxecto contemplou tamén a dotación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras, fonte con surtidor...), a execución de obras de humanización, a mellora da escollera e na dotación dun paseo peonil.