A segunda reserva mariña de Galicia sitúase na ría de Cedeira

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se crea a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Ría de Cedeira, unha zona de especial interese para a preservación e rexeneración dos recursos mariños pola súa condición de área de reprodución, desova, cría ou engorda de especies pesqueiras ou marisqueiras. Esta é a segunda reserva existente en Galicia, despois da de Lira (Carnota), que se creou en 2007.

Os fins perseguidos pola Consellería de Pesca e a Confraría de Pescadores de Cedeira coa creación da reserva son conservar e protexer a flora e a fauna mariñas e a súa diversidade; fomentar a sensibilización ambiental sobre o medio mariño; facilitar a rexeneración dos recursos; e impulsar a pesca artesanal e o marisqueo a través de medidas encamiñadas a acadar unhas actividades responsables e sostibles. Ademais, quérese favorecer a realización de estudos científicos sobre as distintas especies, así como medidas de proteción e xestión das pesquerías; divulgar os valores ambientais da costa galega; e posibilitar o desenvolvemento e aplicación de modelos de xestión coa participación dos profesionais do mar.