Esgótase o prazo dado polos mariñeiros ás gaiolas de salmón de Ribeira

Este sábado remata o prazo dado polos mariñeiros e mariscadores da ría de Arousa para a retirada das gaiolas de cría de salmón instaladas en Ribeira. Con tal motivo, os patróns maiores de Arousa e Pontevedra manterán un encontro con representantes do sector mexilloeiro para decidir que medidas de presión levarán adiante se a retirada non se fai efectiva.

A Consellería mantén que as gaiolas serán retiradas, e que non serán trasladadas a Ons, pero os mariñeiros reclaman accións urxentes. A este respecto, o presidente da Federación Galega de Confrarías, Evaristo Lareo, manterá un encontro co director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, para tratar de novo o asunto.