As diferentes comarcas e concellos galegos ultiman a súa presenza en Fitur

Este mércores comeza en Madrid unha das citas ineludibles do ano en canto a promoción turística se refire: a Feira Internacional de Turismo Fitur 2009. Con tal motivo, as diferentes comarcas e concellos galegos ultiman a súa presenza na feira, a onde desprazarán diverso material promocional, tanto con stand propio como dentro dos espazos que ofrecen as diferentes administracións. Así, o organismo Terras de Pontevedra estará, por segundo ano consecutivo, en Fitur, dentro do stand de Turgalicia. Alí presentará o produto Arte Rupestre, unha das iniciativas que pretende consolidar dentro do seu plan de dinamización. Existen varios exemplos de vestixios prehistóricos na comarca, entre eles os de Campo Lameiro, dos máis importantes de Europa.

Tamén na provincia de Pontevedra, a cita feiral de Madrid contará coa participación do Concello de O Grove, tanto no stand de Turgalicia como no de Turismo Rías Baixas (Deputación de Pontevedra). Ademais de folletos e pósters, como novidade deste ano ofrecerase aos visitantes un calendario con fotografías da localidade.

Outro recurso que non pode faltar é o Camiño de Santiago que, á parte da promoción que realice a Xunta, estará representado a través da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, sendeiros que aspiran a seren recoñecidos oficialmente.

En xeral, agárdase que as comunidades autónomas gasten máis ou menos o mesmo en Fitur 2009 que na edición do ano pasado, precisamente pensando en que a promoción non debe decaer, senón todo o contrario, en tempos de crise económica, como un investimento de futuro.