Unha casa encantada de Lobios será o centro de interpretación do Parque do Xurés

A Casa Escusalla converterase no centro de interpretación do Parque natural do Xurés. Trátase dun inmoble en avanzado estado de abandono situado na parroquia de Manín, no concello de Lobios, da que se di que está habitada pola pantasma dun fraile que percorre a casa nas noites de lúa chea.

Supersticións á parte, a Casa Escusalla é un dos edificios máis emblemáticos da Baixa Limia. Conta cunha capela adosada e un balcón cara a serra. Nestes momentos estase tentando contactar cos propietarios.

Por outra banda, o Concello de Lobios vai construir un embarcadoiro na zona de Aceredo, xunto á ponte que comunica esta área con Entrimo. O obxectivo é dinamizar o encoro de Lindoso (na foto) dende o punto de vista turístico. Agárdase que a instalación estea dividida en dous espazos: un para embarcacións de vela e remo e outro para barcos a motor e incluso para un catamarán.