Un seminario aborda unha nova liña de investigación para a posta en valor do patrimonio marítimo

Alén da súa importancia a nivel económico, o sector marítimo ofrece unha salientable riqueza patrimonial inmaterial que precisa ser protexida e posta en valor. Con este obxectivo o grupo de investigación de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (ERENEA) vén de poñer en funcionamento unha nova liña de traballo sobre o patrimonio cultural relacionado coa pesca. Neste marco e, ao abeiro da Cátedra Fundación Caixa Galicia, este xoves desenvolverase no Museo do Mar un seminario sobre Patrimonio marítimo, identidade e desenvolvemento, coordinado polos membros do grupo María Xosé Vázquez e Roi Durán.

O seminario tratará de achegar aos asistentes ao patrimonio marítimo dende un enfoque multidisciplinar analizando os riscos e ameazas pero tamén as potencialidade do mesmo.