Os congresos, a náutica e a cultura son os principais vectores do Plan Turístico de Vigo

O Concello de Vigo presentou o Plan de Competitividade do Produto de Turismo Urbano, concebido baixo o lema "Vigo, Turismo Urbano & Ría", para o que as administracións aportan apoio económico por preto de 4 millóns de euros.

Segundo significou o tenente de alcalde, Santiago Domínguez, o Plan está chamado a producir un positivo impacto sobre o emprego e a actividade económica, estruturado en vectores de actuación como os congresos, turismo mariñeiro e náutico, cultura e de lecer e xestionarase a través da Convention Boureau e o consorcio turístico de Vigo.

Presidiu a presentación o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco -acompañado do director xeral de Turismo, Rubén Lois- quen salientou que este proxecto “vén ser unha proposta-modelo galega para os plans de competitividade". "É un modelo que permitirá -engadiu Blanco- seguir marcando o ritmo, mesmo en época de crise". O plan vigués terá unha vixencia de catro anos.

Tamén na cidade olívica, está previsto que antes de Nadal a Consellaría de Cultura inaugure a musealización das salinas romanas situadas nos sotos do centro de saúde de Rosalía de Castro, convertíndose no segundo museo de época romana que existirá en Vigo.