O Decreto de Artesanía Alimentaria ampara as producións das empresas familiares

O Decreto de Artesanía Alimentaria, presentado polo conselleiro de Medio Rural, Alfredo Súarez Canal, ampara as producións das pequenas empresas familiares. O Decreto, que conta co apoio unánime de todos os representantes do sector agrario na Comisión Permanente do Consello de Galicia, pretende fomentar os valores económicos, culturais e sociais deste tipo de producións.

O mesmo Conselleiro lembrou a gran tradición que ten Galicia na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da cultura popular e que gozan dun alto aprezo entre os consumidores, mesmo fóra do país, e que teñen contribuído non só a incrementar a riqueza cultural galega senón tamén á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural.