Nova oficina de turismo e máis investimentos no centro histórico de Valença

O secretario de Estado de Turismo de Portugal, Bernardino Trindade, visitou Valença do Minho para proceder á inauguración da nova oficina de turismo do centro histórico, así como o núcleo museolóxico e outras actuacións na zona. Trindade sinalou que, con estas obras, Valença consegue uns equipamentos de elevado valor para a promoción turística do concello.

Para o presidente da Câmara Municipal, José Luís Serra, a mellora da Praça-Forte ten por obxectivo impulsar o centro histórico presentándoo como un produto turístico de excelencia. Quedan pendentes outras actuacións como a construción dun aparcamento soterrado. A intención é transformar a Praça-Forte nun conxunto moderno e funcional, con todas as condicións para recibir ao público. En total, lévanse investidos na zona seis millóns de euros.