Cultura adxudica o estudo dos territorios históricos para a delimitación da Vía da Prata

A Consellería de Cultura publicou a adxudicación dos traballos de estudo dos territorios históricos vinculados ao Camiño Ourense-Santiago e en breve anunciará a do Camiño Tradicional dende Chaves, que conforman a Vía da Prata. O estudo do Camiño Ourense-Santiago foi adxudicado á empresa Técnicas Territoriales y Urbanas S.L. por 204.000 euros. No caso do Camiño Tradicional-itinerario desde Chaves a adxudicataria é UTE Bau-Signo por un valor de 636.350 euros.

Ata o momento, xa se realizaron estudos sobre o Camiño Francés, o do Norte e o Primitivo, e estanse desenvolvendo os dos camiños Inglés, Portugués e de Fisterra-Muxía. Cultura inviste 2,5 millóns de euros na elaboración destes traballos en todas as vías.

Por outra banda, o Concello de Vilalba iniciou un proceso de negociación para ceder a xestión do albergue de peregrinos da localidade á Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, polos importantes gastos que implica o mantemento destas instalacións para as arcas municipais.