Comezan as obras de recuperación e estudo da muralla medieval de Santiago

As obras de recuperación e estudo do anaco de muralla medieval descuberto na compostelana Rúa de Entremuros xa comezaron. Os primeiros traballos consisten na limpeza arqueolóxica e consolidación do lenzo murario, e no estudo da muralla, a súa xénese, evolución e transformacións ao longo do tempo.

A Concellería da Cidade Histórica impulsa este proxecto de recuperación de todo o perímetro da antiga muralla, que inclúe a integración do viario público dos tramos que se conserven do muro defensivo, así como a posta en valor deste patrimonio histórico.

Deste xeito, o departamento local impulsará o estudo en detalle destes restos da muralla, grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura. A muralla medieval de Compostela foi levantada por orden do Bispo Cresconio, entre os anos 1037-1068.