Santiago Repetirás, para loitar contra a desestacionalización

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Santiago, Xosé Manuel Iglesias, presentou a campaña de desestacionalización desta temporada de inverno. Baixo o nome “Santiago Repetirás”, englóbanse unha serie de medidas tendentes a manter o atractivo da cidade nun momento de crise económica internacional, que está a afectar ao sector turístico.

A campaña de desestacionalización de maior orzamento das desenvolvidas ata o momento en Compostela prolongarase do 1 de novembro ao 31 de marzo de 2009. Ata o momento, o esforzo realizado traduciuse en que este é o ano no que se contará coa maior participación de turoperadores, un total de cinco (Transhotel, Soltour, Viagal, Hotelbeds, Atrápalo e Costas Galicia, ademais de Compostur). Os visitantes poderán mercar o paquete turístico completo a través da web www.santiagoreservas.com.

Por primeira vez nunha campaña de desestacionalización, Turismo de Santiago desenvolverá campañas de promoción concretas en aqueles destinos internacionais nos que hai liñas aéreas directas de baixo custe: París, Londres, Roma e Francfurt, co obxectivo de fomentar os shortbreaks, ou escapadas. No eido da gastronomía, Santiago Repetirás ofertará un amplo abano de actividades baseadas na cociña. Serán cinco actividades, complementarias entre si pero pensadas para diferentes públicos: Merco e Cociño con..., Taller gastronómico para nenos, Cata de viños e maridaxe con produtos galegos, Rutas de Cociña e Rutas de Tapas.