RENFE recoñece que os retrasos entre Vigo e A Coruña van continuar

Galicia aínda terá que agardar un tempo ata poder empregar a Alta Velocidade ferroviaria, pero os efectos das obras xa as están padecendo, e seguirán, os usuarios dos trens que unen as dúas principais cidades galegas. De feito, Renfe recoñece que os retrasos nos trens do corredor A Coruña-Vigo continuarán mentres duren as obras do Eixo Atlántico.

Os retrasos fanse especialmente notables nos trens que circulan pola mañá e os usuarios aseguran que os convois chegan ao seu destino con doce minutos de retraso. Pola súa banda, Renfe fala de demoras medias de nove minutos.

A razón do retraso é, fundamentalmente, a realización das obras da alta velocidade no treito comprendido entre Uxes e A Coruña. De todos os xeitos, a compañía ferroviaria aclara que as demoras quedarán “matizadas” a partir do 20 de novembro, cando concluirán as obras en Uxes.