Oito establecementos do Grove participan na I Mostra Gastronómica de Pontevedra

A Federación Provincial de Hostalería de Pontevedra, que preside José Magaz, organiza a I Mostra Gastronómica de Pontevedra de Produtos do Mar, que terá lugar no concello de O Grove coa participación de oito establecementos hostaleiros. As xornadas terán lugar do 1 ao 8 de novembro e, como é lóxicos, os peixes e mariscos da ría serán os protagonistas.

Cada un dos establecementos participantes ofrecerá un menú degustación un día. O sábado 1 será o Restaurante El Crisol; o domingo, o Hotel Mirador Ría de Arousa; o luns, o Talaso Louxo La Toja; o martes, o Villa Juanita; o mércores, o Don Mexilón 2; o xoves, A Solaina; o venres, D’Berto e o sábado 8, Airiños do Mar. Os menús, nos que se mestura o produto de calidade coa cociña de vangarda, teñen un prezo máximo de 50 euros.

O evento pecharase coa celebración da Gala da Hostalería de Pontevedra, o vindeiro 9 de novembro, no Hotel Carlos I de Sanxenxo, reunión na que se recoñecerá a unha serie de profesionais do sector pola súa traxectoria e o seu esforzo no incremento da actividade empresarial.