Medio Rural e Ternera Gallega colaborarán na realización dun estudo sobre os parámetros de calidade desta carne

A Consellaría do Medio Rural asinou un convenio co Consello Regulador da IXP Ternera Gallega para realizar un estudo sobre parámetros de calidade da carne amparada por esta I.X.P. Este estudo, financiado con 560.000 euros para as campañas 2008, 2009 e 2010, abarcará anualmente a máis de 100.000 animais e 75.000 canais, con datos que serán tomados de forma individualizada e con trazabilidade en todos os pasos da cadea produtiva para a súa posterior análise e valoración.

Alfredo Suárez Canal, que interviu nas Xornadas Técnicas Ternera Gallega, destacou a evolución positiva da produción desta I.X.P., tanto no volume de terneiros rexistrados nas explotacións, que se incrementou nun 2,2% no último ano, como en canais certificadas nos matadoriros, cun incremento do 4,3 %, en carne comercializada, cun incremento do 5,3%, e no valor da carne comercializada, no que o incremento foi do 3%.

Por outra banda, Suárez Canal anunciou que próximamente entrará en vigor a reforma do regulamento do Consello Regulador da I.X.P. Ternera Gallega, que vén a culminar o proceso de democratización e profesionalización dos Consellos Reguladores que fora iniciado o pasado ano. Neste sentido, destacou como principais novidades nesta reforma o apartado relativo ás razas que poderán ser amparadas por Ternera Gallega.

Para reivindicar a calidade da carne galega, uns novecentos gandeiros reuníronse na III Festa dos gandeiros artesáns de Viana e festexaron a xornada cun xantar a base de dous becerros da zona preparados ao espeto.