Medio Rural disporá de máis de 640,6 millóns de euros de orzamento en 2009

O conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, presentou os orzamentos cos que contará o seu departamento para 2009 e que suman un total de 640.620.381 euros, o que supón un incremento con respecto ao actual exercicio do 1,8%. A intención destas contas é, segundo matizou, “fortalecer o sector agrogandeiro e forestal galego, fundamentalmente o produtor, ante a situación de crise conxuntural que se está a producir a nivel mundial e que debe servir para dotar aínda máis dun carácter estratéxico a produción de alimentos no noso país”.

As partidas contribuirán a asentar os proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia impulsados por AGADER; o apoio ás denominacións de calidade e á produción ecolóxica, mediante plans específicos de mellora das infraestruturas agrarias e dos sistemas de regadío nas principais comarcas produtoras do País; a aposta pola investigación ou a posta en marcha do Programa Leader Galicia 2007-2013, que ten como obxectivo que os axentes sociais de cada territorio sexan os protagonistas do desenvolvemento rural da Galicia dos vindeiros anos.

Ademais deste tipo de iniciativas, a Consellería vai seguir traballando na mellora das infraestruturas agrarias co fin de facilitarlles as condicións de traballo aos titulares das explotacións.

Para iso, ademais dos plans específicos que se executen nas zonas de produción das cinco denominacións de orixe vitivinícolas ou na comarca da Limia, está previsto que, en 2009, tamén se actúe en 155 zonas de concentración parcelaria, que suman en total 123.000 hectáreas, o que permitirá beneficiar a 97.000 propietarios de toda Galicia.