Santiago acolle unha exposición sobre peregrinacións en Xapón

O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acolle, a partir do 26 de setembro, a exposición fotográfica “Totsukawaura. Corazón do Camiño” que se centra no espazo polo que discorre o Camiño de Kumano, unha das máis importantes peregrinacións que ten lugar en Xapón e que forma parte do Listado de Bens Patrimonio da Humanidade da Unesco.

A mostra, que forma parte do programa de exposicións temporais denominado “Peregrinacións no Mundo”, poderá visitarse ata finais de xaneiro de 2009. Reúne fotografías do galego Luis Alonso Ocaña e complétase cun catálogo no que se recollen colaboracións diversas como a do artista xaponés Munehiro Ikeda. Unha mostra sobre o Camiño xaponés e o de Santiago puido visitarse estes días en París.