O pan de Arzúa xa ten documental

A Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal de Galiza, dependente da Consellaría do Medio Rural, vén de editar o documental “Arzúa: terra de pan” que recolle a sexta edición das “Xornadas do Pan” celebradas no ano 2007 na parroquia de Pantiñobre.

Dende hai sete anos, as “Xornadas do Pan” reproducen o ciclo real da elaboración tradicional deste alimento, a través de distintas celebracións que se distribúen ao longo do ano. A primeira delas é a sementeira, que se celebra coincidindo co Nadal e, xa no verán, teñen lugar a sega, a malla e, por último, a moenda e a fornada.

“Arzúa: terra de pan” reflicte o ciclo anual da elaboración do pan de trigo e do pan de centeo, a través dos traballos da sega, da malla, da moenda e mais da fornada, na que colaboran todos os veciños. No audiovisual tamén se amosa como boa parte das relacións sociais da parroquia se establecían arredor deste tipo de traballos comunais.