Lourenzá ensalza o seu produto máis emblemático

Os vindeiros 4 e 5 de outubro, Lourenzá consagrarase ao seu produto máis emblemático coa décimo oitava edición da Festa da Faba, a primeira dende que dispón de selo de calidade.

Unha das principais novidades deste ano é que a tradicional degustación que se celebraba o domingo é substituída por unha comida popular, con catro preparacións diferentes de fabas, na que se agarda a participación dun milleiro de persoas. O sábado, na Praza do Conde Santo, a Escola de Hostalería de Foz cociñará fabas con marisco e con carne. O alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra, sinalou que a festa “xa é un referente do outono gastronómico mariñán” e espera que sexa “de toda a provincia”.

Os hostaleiros da localidade tamén se suman á celebración da Festa, ofrecendo tapas con fabas dende o día 2 de outubro. Ademais, haberá música, artesanía, obradoiros e exposicións. Tamén se presentará o libro Faba de Lourenzá, o primeiro estudo sobre este produto.

A presidenta do Consello Regulador, Gema Iglesias, asegura que o prezo do produto seguirá subindo porque hay menos fabas que outros anos e a demanda sigue medrando. Ademais, os produtores son cada día menos. Nese sentido, agarda que a aprobación da IXP para a faba anime a máis veciños a inscribírense como produtores, posto que suporá unha revalorización do produto.