Innovación inicia a campaña de comercialización do turismo galego no mercado estatal

A Consellaría de Innovación e Industria, a través de Turgalicia, inicia en Badaxoz a campaña de presentación e comercialización da oferta turística galega para o ano 2009, que se estenderá ata finais do mes de novembro por oito cidades españolas e terá como eixo a comercialización de produtos turísticos galegos a través das propias empresas turísticas e a promoción dos recursos.
A misión comercial estará encabezada polo director-xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, e está prevista a participación de 73 empresarios galegos, que se reunirán con representantes de empresas turísticas dos contornos das cidades visitadas: Badaxoz, Sevilla, Santa Cruz de Tenerife, As Palmas de Gran Canaria, Xixón, Bilbao, Alacante e Valencia para comercializar os seus produtos. Logo, terá lugar unha cea-espectáculo na que se presentará o destino Galicia de xeito xeral.
A presentación centrarase na promoción de Galicia como destino diferenciado, con produtos propios e dos que o visitante poderá gozar de distintos xeitos. Promocionaranse de forma especial os centros históricos das cidades e a Ribeira Sacra. Ademais, daranse a coñecer os recursos relacionados coa cultura e a natureza, e incidirase nos produtos emerxentes: golf e náutica.