Innovación e Industria mellora a emblemática Avenida De Castelao De Muros

A Consellaría de Innovación e Industria achegará 230.000 euros ao Concello de Muros para a rehabilitación e acondicionamento da Avenida Castelao, coñecida tamén como Pista da Xesta, unha céntrica rúa do casco histórico da vila. Esta é unha das rúas máis turísticas de Muros, cun importante peso do sector comercial.

O conselleiro, Fernando Blanco, insistiu en que esta actuación contribuirá ao “potenciamento dos recursos turísticos do concello” e lembrou outras actuacións tamén en Muros como as melloras nas praias ou o apoio ás Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”.

Ademais, a Consellaría vai colaborar co Concello de Teo para a recuperación da Burga e do seu entorno, unha fonte cunhas das augas máis sulfurosas de Galicia e moi visitada antigamente para a toma dos baños. A intención é recuperar tanto a fonte como a pía, conservando un espazo natural protexido, potenciando o entorno natural e facilitando o paseo baixo a ribeira ao longo do río mediante a oportuna peonalización e repoñendo bancos e mobiliario.
Tamén na provincia da Coruña, Innovación e Industria investirá 232.000 euros no empedrado dos rueiros tradicionais de San Cosme, no concello de Outes. Trátase dunha característica rede de rueiros que envolve e que lle dá forma ás típicas casas de pedra da zona.