Innovación e Industria destinou este ano 2,5 millóns de euros ao fomento do turismo rural

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, sinalou que o seu departamento destina neste 2008 un total de 2,5 millóns de euros a axudas para o fomento de paquetes turísticos e oferta de servizos complementarios no rural. Confirmouno no transcurso da inauguración, en Lugo, do III Salón Internacional de Caza, Pesca e Natureza (SIDENATUR), un certame do que se dixo se está a consolidar como referente para todos os afeccionados aos deportes e actividades da natureza. O conselleiro nacionalista salientou o carácter internacional do salón, no que se presentan todas as novidades para o disfrute da natureza galega e, neste sentido, salientou a aposta do seu departamento pola posta en valor dos nosos recursos naturais co obxectivo de fomentar o turismo.
Segundo dixo Blanco, o seu departamento está a traballar tamén para que cada vez máis casas de turismo rural lle poidan ofrecer aos seus clientes permisos de pesca por un prazo de 15 días, como xa ocorre nalgunhas delas grazas ás xestións realizadas para obter licenzas.