Críticas á Xunta por tramitar a Lei de Drogas en plena vendima

A deputada do Partido Popular Amparo González vén de denunciar que a Xunta actúa “con aleivosía” ao retomar a tramitación do anteproxecto de Lei de Drogas "que penaliza o viño" e remitir aos consellos reguladores "en plena vendima" o novo borrador, "que apenas difire do anterior".

A parlamentaria considera que o envío nestas datas é premeditado, “a sabendas de que así non terán tempo para presentar alegacións”.

O PP interpreta que o Goberno galego "volve traizoar" ao sector ao tentar tramitar "pola porta de atrás" o proxecto que, segundo a formación, é "de todo punto inasumible por equiparar ao viño con substancias aditivas perigosas".

A este respecto, os responsables dos cinco consellos reguladores vitícolas galegos teñen previsto reunirse para estudar unha proposta conxunta para rexeitar a devandita lei.