Comercio e restauración tamén estarán presentes na Cidade da Cultura

A fundación mixta pública-privada que se encargará da explotación económica do complexo do monte Gaiás deseñou un plan que inclúe a entrada de comercios e restaurantes na Cidade da Cultura. Para elo, contémplase a apertura de case 15.000 metros cadrados, que ben poden ser explotados en réxime de alugueiro ou concesión.

O obxectivo desta medida é, por un lado, dotar de maior dinamismo á zona e, por outro, recuperar parte do investimento realizado. Así, nos edificios principais haberá catro restaurantes, dúas cafeterías e locais comerciais de uso polivalente. Segundo detalla o borrador do proxecto de explotación, preténdese que a Cidade da Cultura sexa “un ámbito cheo de vida”.