Cambre consagrouse á gastronomía tradicional de outono e Bueu á sidra

A localidade coruñesa de Cambre acolleu a milleiros de persoas que participaron na xornada micolóxica organizada pola asociación Andoa. Así marca Cambre o inicio da temporada dos cogumelos e a chegada do outono.

Non faltaron o fideo con setas, a empanada, as croquetas, os sombreiros de champiñón á grella ou o arroz con setas, que fixeron as delicias dos asistentes. Colaboraron na iniciativa hostaleiros do municipio.

Por outro lado, na vila pontevedresa de Bueu regaron a festividade de Santa Ifixenia con sidra, unha celebración tradicional á que acudiron centos de veciños que deron boa conta dos 400 litros de licor que se puxeron á venda. Os sidreiros puxeron de manifesto que a colleita deste ano foi boa.