A artesanía de Galicia viaxa a Italia, Madrid e París

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño levará os produtos artesáns galegos a diversas feiras profesionais de carácter internacional en 2009. Trátase de Macef (Milán), Maison & Object (París) e Intergift, Bisutex e Iberjoya en Madrid. Ademais, asistirá á feira de venda directa L’Artigiano, tamén en Milán.

Os profesionais galegos que acudan co stand institucional contarán cunha zona individual de exposición e cun almacén propio para as pezas. O stand conta cunha estrutura modular que pode albergar ata a 12 artesáns e cuxo tamaño e forma se poden adaptar en función do número de profesionais participantes e das súas necesidades.

Por outra banda, Turismo de Santiago está presente no Congreso Turismo Creativo de Santa Fe (EE.UU.), que a Unesco organiza ata o xoves. O obxectivo é coñecer diferentes experiencias co fin de poder adaptalas á realidade compostelana.