Antón Paz será o pregoeiro da Festa do Marisco de O Grove

O medallista olímpico vilagarcián Antón Paz será o pregoeiro da Festa do Marisco de O Grove. Os seus éxitos deportivos (á medalla de ouro suma varios campionatos do mundo) levárono a ser elixido polo Concello para dar o pistoletazo de saída a unha semana de consagración ao produto máis senlleiro da vila: o marisco. Outra das novidades desta edición será a asistencia dun grupo de xornalistas especializados en turismo e gastronomía procedentes de Austria e Alemania.

Os profesionais da comunicación terán a oportunidade de visitar os lugares máis emblemáticos do municipio e degustar os produtos máis típicos, entre eles, o marisco. Segundo explicou o concelleiro de Turismo, Jorge Olleros, a visita destes xornalistas responde ao interese internacional que está espertando a Festa do Marisco.
En canto ao programa festivo, a degustación propiamente dita combinarase con actuacións musicais, conferencias, exposicións e diversos actos institucionais.

Así, un dos eventos máis importantes é o Simposio de Escultura que ten como atractivo especial que os artistas elaboran as súas obras ao aire libre. Tamén se celebrará a Gala do Marisco, coa actuación de David Civera, a entrega das Centolas de Ouro, a proclamación do vencedor do Premio Lola Torres de gastronomía ou o Foro dos Recursos Mariños.