Unhas xornadas sobre a alimentación na idade media abren o programa da Feira Franca

Pontevedra prepárase para unha nova edición da Feira Franca, adicada este ano a “O traballo do campo”. Como actos previos, a Casa das Campás acollerá as V Xornadas de Historia que, nesta ocasión, versarán sobre “A alimentación e o comercio dos nosos devanceiros”. Celebraranse do 2 ao 4 de setembro a partir das 16.30 horas.

O programa inclúe relatorios de Xosé Miguel Andrade sobre “Manxares medievais”, Francisco Xavier Castro Pérez sobre “O viño en Galicia: historia cultural” ou de Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez sobre “O aceite en Galicia: as lagaretas castrexo-romanas medievais”. Xunto aos relatorios desenvolveranse actividades complementarias como unha cata de viños da D.O. Rías Baixas.