Sanxenxo rexeita o Noitebús e alega que fomenta o consumo de alcohol

O Concello de Sanxenxo oponse ao Noitebús, o servizo de transporte nocturno que comunica zonas “de marcha” nas diferentes provincias galegas, por considerar que fomenta o consumo de alcohol entre os máis novos. Nese sentido, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Salvador Durán, manifestou que o servizo, que ten como obxectivo evitar os accidentes de tráfico vencellados co consumo de alcohol, “pon a disposición dos mozos un transporte coa única finalidade de que a inxesta de bebidas non teña medida”.

Estas declaracións, que lle custaron a reprobación dos grupos socialista e nacionalista no Concello, insisten en que “o Noitebús non contribúe a evitar problemas senón que fomenta o consumo de alcohol entre a xuventude que non se atopa ante a limitación de ter que porse ao volante dun vehículo”.