Pontevedra acolle a primeira noite europea dos morcegos galega

O río dos Gafos, en Pontevedra, acollerá o vindeiro sábado a primeira Noite Europea dos Morcegos que se celebra en Galicia. A encargada de organizala é a asociación ecoloxista Vaipolorío. A xornada consistirá na realización dun programa de actividades nas marxes do río, dirixidas por técnicos da asociación Drosera, co obxectivo de coñecer algo máis sobre a forma de vida e os costumes dos morcegos.

A partir das 16.30 horas haberá xogos para nenos e construiranse casas-refuxio que se instalarán nas árbores das marxes do río. Á noitiña amosaranse diferentes técnicas para detectar a estes animais e identificaranse co obxectivo de rexistrar os datos biolóxicos das especies.