Medio Ambiente inicia a recuperación de Sálvora

A Consellería de Medio Ambiente vén de iniciar os traballos de recuperación da illa de Sálvora, incluída no Parque Nacional das Illas Atlánticas e que se incorporou hai escasas datas ao patrimonio público galego. As actuacións concéntranse na reforma da antiga fábrica de salazón e na realización dun estudo arqueolóxico da superficie terrestre da illa de cara a recuperar antigos sendeiros e clasificar os restos que poidan aparecer.

Unha das actuacións máis custosas será a rehabilitación da
construción que no seu día pertenceu á familia Otero-Goyanes, que podería superar o millón de euros. No seu interior permanecen aínda unha calesa e mobles de máis de 150 anos de antigüidade. O obxectivo destas actuacións é converter o arquipélago nun referente turístico semellante ao das illas Cíes.