Pontevedra, festa sen tregua

O calendario festivo de verán convirte a Pontevedra nun dos principais puntos de referencia turísticos do noroeste peninsular. Un dos pratos fortes da programación de verán é o Festival Internacional de Jazz & Blues, que acada este ano a súa XVI edición. Ata o sábado 26 de xullo os mellores músicos pasarán polas prazas do Teucro e da Ferrería, e tamén polo antigo conservatorio.

Tamén actuarán en Pontevedra artistas do nivel de María Dolores Pradera e Los Sabandeños (luns 11 de agosto), Amaral (13 de agosto na explanada do Recinto Feiral); Pignoise (15 de agosto), Luar na Lubre (17 de agosto) ou Pereza, entre outros.

As festas do Santiaguiño do Burgo, do 24 ao 27 de xullo, teñen nesta cidade de vocación xacobea -é a capital do Camiño Portugués- unha grande tradición, destacando a procesión do santo para a recollida do millo e as uvas no lugar da Santiña.

Nembargantes, as festas grandes de Pontevedra son as da Peregrina -As Peregrinas-, que arrancan sempre o segundo sábado do mes de agosto e prolóngase durante toda a semana seguinte, sen tregua para o descanso, con música, touros (coa participación estelar de José Tomás) e outras actividades que invitan aos veciños e visitantes á participación activa.