Os efectos da crise nótanse no turismo

Finalizado o mes de xullo, as previsións de ocupación do sector hoteleiro para agosto son bastante negativas. Nese sentido, a Asociación de Hospedaxe de Pontevedra cifra nun 35% o descenso con respecto ao mesmo periodo do ano pasado. Se a esta baixada se lle suma que moitos empresarios víronse obrigados a baixar os prezos, todo fai indicar que este mes de agosto será un dos peores para o sector na última década.
Outra das consecuencias da crise constatadas por Asehospo é que os
turistas reducirán a súa estadía en Galicia.

Para o presidente da
asociación, José Manuel Barbosa, “as previsións supoñen un duro golpe para este sector que nos últimos anos realizou importantes esforzos para mellorar os seus servizos, realizando moitas inversións”. Segundo o voceiro empresarial, a crise é o factor que máis está influíndo neste descenso, aínda que tamén se constata que está repercutindo a
inestabilidade climatolóxica.

En Ourense, un estudo realizado polos hosteleiros reflicte un aumento das visitas no primeiro semestre do ano, se ben esta evolución é debida a eventos e congresos e non ao turismo propiamente dito. No que vai de ano,os hoteis da provincia de Ourense acolleron un total de 153.110 viaxeiros, o que supón un incremento do 7,7% con respecto ao mesmo periodo do ano 2007. A estadía, sen embargo, é inferior á do pasado exercicio.