A Capela da Peregrina loce nova iluminación

Un dos fitos máis importantes do Camiño Portugués a Santiago, a Capela da Peregrina de Pontevedra, loce xa nova iluminación, tralas obras de reforma das que foi obxecto. O santuario, que data de 1778 (cando se puxo a primeira pedra), conta agora cunha iluminación que enfatiza os aspectos arquitectónicos sobresaíntes.

Este tratamento de luz permite distinguir os tres corpos que conforman o santuario, coas dúas torres superiores en cor azul, como unha alegoría ao Camiño de Santiago, que continúa dende o santuario a través dos puntos de luz que se dispoñen polas rúas do casco vello e que indican o percorrido desa ruta. Tamén se cambiou o morteiro exterior e a cuberta e se dotou ao templo de novos accesos.