Cabana de Bergantiños "berra seco"

A localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños prepárase para a celebración dun dos eventos máis singulares de Galicia, a romaría de San Fins do Castro coñecida como a do “Berro Seco”. Terá lugar, como é tradicional, o 1 de agosto e congregará a centos de romeiros atraídos polo folclorismo da cita. A importancia que hoxe ten acadouna sobre todo con D. Saturnino Cuíñas, párroco de Cesullas dende os anos 30 e importante folclorista para as terras de Cabana de Bergantiños. Pola mañá cedo, a protagonista é a auga da fonte situada a carón da ermida.

Antes de que saia o sol acoden os romeiros á fonte para lavaren a cara e as mans na auga santa ou tirar cartos na pía. Finalmente, quéimase o santo de pólvora, unha falla artesanal que se fai estoupar antes dos bailes da misa.