Ameixa, percebe e carneiro ao espeto, menú da fin de semana

Achégase unha fin de semana moi festiva e cun marcado carácter gastronómico pois varias vilas galegas celebran festas relacionadas con algún produto.

En Campelo (Poio) celébrase a vixésimo primeira edición da Festa da Ameixa cun programa de actos que inclúe, ademais da propia degustación, o pregón a cargo de Celso Bugallo, a VI Bandeira de Traíñas Concello de Poio ou a Festa da Bicicleta. A carpa de degustación estará aberta o sábado e o domingo na praza da Granxa con ameixas á mariñeira (7 euros), ameixas con fideos e con fabas (6 euros) e mexillóns ao vapor (3 euros).

Tamén na provincia de Pontevedra, pero na localidade de Moraña, celébrase a trixésimo novena edición da Festa do Carneiro ao Espeto, declarada de interese turístico. Non só paga a pena achegarse a degustar a carne senón tamén a ver o espectáculo que supón o asado dos animais, dende primeiras horas da mañá. Ademais, este ano celébrase o Carneirock, un festival musical que terá lugar na Carballeira.

Ademais, a localidade coruñesa de Cedeira conságrase esta fin de semana ao seu produto máis senlleiro: o percebe. A degustación celebrarase o sábado e o domingo no peirao. Prevese que se consuman uns 1.500 kilos deste prezado marisco.